William Caxton
William Caxton, nado en Kent entre 1415 e 1422 e finado cara a marzo de 1492, foi un mercador, diplomático, impresor e escritor inglés. Caxton introduciu a primeira imprenta en Inglaterra, e foi o primeiro impresor do país, así como o primeiro vendedor de libros inglés (os seus compañeiros en Londres eran alemáns, neerlandeses ou franceses). Imprimiu e editou máis de cen libros, a maioría traducións de obras francesas. Algunhas das máis importantes obras impresas por Caxton foron A morte de Arturo, de Thomas Malory, e os Contos de Canterbury, de Geoffrey Chaucer.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sábese que Caxton naceu na campiña de Kent entre 1415 e 1422, e foi a Londres a traballar. En 1438 sitúaselle como aprendiz de comerciante de teas, no obradoiro de Robert Large, quen sería alcalde de Londres ao ano seguinte. Large morreu en 1441, e en 1446 Caxton marchou a Bruxas, centro principal do comercio europeo do téxtil.[1] En Bruxas, Caxton progresou no comercio téxtil e destacou entre os seus compatriotas afincados no continente. Obtivo en 1463 o cargo de Gobernador do gremio inglés de comerciantes pacotilleros[2] nos Países Baixos. Cara 1470, Caxton atópase ao servizo de Margarida de York, duquesa de Borgoña e irmá do rei de Inglaterra Eduardo IV. É probable que Caxton fose o asesor financeiro da duquesa.
Como impresor
[editar | editar a fonte]Caxton comezou a interesarse na literatura a finais da década de 1460. En marzo de 1469, Caxton comezou a traducir o libro Recuyell of the Historyes of Troye, de Raoul Le Fèvre. Caxton abandonou a tarefa, desanimado polo seu pobre dominio do francés; pero renovouna a petición da duquesa Margarida, rematando a tradución en 1471.
En Bruxas
[editar | editar a fonte]Caxton mudou de residencia varias veces entre Flandres, os Países Baixos e Alemaña. Cando residía en Colonia, entre 1470 e 1472, Caxton entrou en contacto coa nacente industria da impresión, e aprendeu a arte de imprimir. Segundo o propio Caxton, decidiuse por aprender a imprimir para evitar o cansazo que sufrían os seus ollos e a súa man co arduo traballo da tradución.[3]
Axiña mercou unha imprenta con dous xogos de tipos móbiles,[4] e en 1474 volveu a Bruxas a establecer un taller de impresión. Alí, asociouse con Colard Mansion, un soado copista e ilustrador de códices. O primeiro libro impreso por Caxton, ao ano seguinte, foi a tradución que el mesmo realizou, do libro Recuyell of the Historyes of Troye.[5] Na mesma cidade, Caxton publicou outro cinco libros, incluíndo a mesma obra de Le Fèvre en francés. Dos cinco, soamente un deles era en inglés, The game and playe of the chesse, publicado o 31 de marzo de 1475. Este libro era unha tradución de dúas versións francesas de De ludo scaccorum, obra do dominico Xacobe de Cessolis, de ao redor do ano 1300.
En Londres
[editar | editar a fonte]Ao volver ao seu país en 1476, Caxton estableceu unha imprenta nos terreos da Abadía de Westminster. A partir de entón, a súa única ocupación foi a de imprimir e editar libros, moitas veces escribindo os prólogos ou epílogos dos mesmos. A súa primeira impresión en Inglaterra foi, aparentemente, unha Indulxencia outorgada polo abade de Abingdon.
A impresión está datada o 13 de decembro de 1476.[6] Ao ano seguinte, Caxton publicou Dites or Sayengis of the Philosophres (Ditos dos filósofos, o 18 de novembro), escrito polo cuñado do rei, Anthony Woodville, Conde de Rivers; quen fixera a tradución do francés de Guilliaugme de Tignonville. Os Ditos dos filósofos pasaron por ser o primeiro documento impreso por Caxton en Inglaterra, até o descubrimento da Indulxencia de 1476. Ese mesmo ano, Caxton imprimiu tamén unha tradución do francés Histoire de Jason, de Raoul Le Fèvre.
A primeira edición de Caxton de Os contos de Canterbury, apareceu en 1478. A edición representaba o traballo máis extenso de Caxton até o momento, pois constaba de 374 folios. Cinco anos máis tarde, reeditaría a obra, engadíndolle máis de vinte xilografías e cun texto revisado. Aínda en 1478, Caxton imprimiu outra obra de Chaucer, a versión deste último de Deconsolatione philosophiae, de Boecio.
O libro máis voluminoso que Caxton editou foi A lenda dourada, en 1483. O libro, de 600.000 palabras e 448 folios impresos a dobre columna; era unha tradución que o propio Caxton fixo do texto de Xacobe de Vórtice. A tradución foi feita a partir dunha versión francesa de Jean de Vignay, tomándose Caxto a liberdade de engadir as vidas de 25 santos que non estaban incluídas na devandita versión. A obra está xenerosamente ilustrada, 19 das súas xilografías ocupan unha páxina enteira.
A morte de Arturo foi publicada por Caxton o derradeiro día de xullo de 1485. O autor, Sir Thomas Malory, morrera catorce anos antes, e Caxton organizou a voluminosa obra da maneira que mellor lle pareceu, dividíndoa en 21 Libros e 507 capítulos.[7] Ademais, Caxton fixo unha revisión completa do texto, engadindo rúbricas que describían a acción, ao principio e final de cada capítulo.
Na súa imprenta, Caxton produciu romances cabaleirescos, traballos de autores clásicos, e historias romanas e inglesas. Os libros que Caxton imprimía eran favorecidos polas clases altas do reino, polo cal o apoio financeiro que Caxton recibía da aristocracia e a nobreza era importante, aínda que non era indispensable.
Caxton morreu en 1492, un ano despois cá súa dona Maude. Foi soterrado en St. Margaret, en Westminster. No ano 2002, a compañía dos medios BBC incluíuno na lista dos 100 máis grandes cidadáns británicos de todos os tempos.[8]
Caxton e a lingua inglesa
[editar | editar a fonte]Catro quintas partes do material que Caxton imprimiu, están en idioma inglés. Con todo, este idioma estaba nun proceso importante de transformación na época de Caxton; e moitos dos textos que Caxton recibía para impresión, estaban escritos nunha ampla variedade de estilos e dialectos. Como Caxton non era un escritor propiamente dito, senón máis ben un técnico, a miúdo enfrontouse a dilemas de homoxeneización da linguaxe nos libros que imprimiu. O alsaciano Wynkyn de Worde, o seu sucesor na imprenta, tivo que enfrontar os mesmos problemas.
Polo traballo realizado con estes textos, atribúeselle a William Caxton gran parte do crédito por ter estandarizado a lingua inglesa; pois Caxton homoxeneizou os textos que orixinalmente estaban escritos nos moitos dialectos rexionais, e contribuíu á expansión do vocabulario a través da impresión. Caxton comparte este crédito co seu compañeiro contemporáneo Richard Pynson, quen era un estilista máis completo e tivo un maior impacto na homoxeneización da linguaxe.
Edicións selectas
[editar | editar a fonte]- Game and playe of the chesse, de Xacobe de Cessolis, impreso en 1475 e 1482
- Canterbury tales, de Geoffrey Chaucer, impreso en 1478 e 1483
- The mirror of the world, tradución de Caxton do orixinal Speculum majuas de Vincent de Beauvais, impreso en 1481
- De senectute, De amicitia, de Cicerón, impreso en 1481 (versión inglesa de John Tiptoft)
- Polycronicon, de Ranulph Higden, impreso en 1482 (tradución de John Trevisa)
- The golden legend, de Xacobe de Vórtice. Tradución de Caxton a partir dunha versión francesa de Jean de Vignay, impreso en 1483
- Confessio amantis, de John Gower, impreso en 1483
- Booke of the subtle storyes and fables of Aesop, de Esopo, impreso en 1484 (tradución de Caxton do texto francés de Julien Macho)
- The booke of the order of chivalry, de Ramon Llull, impreso en 1484 (tradución de Caxton a partir dunha versión francesa)
- La mort d'Arthur, de Sir Thomas Malory, impreso en 1485
- Faytes of arms and chivalry, de Cristina de Pizán, impreso en 1489
- The booke of Eneydos, adaptación da obra de Virxilio, impreso en 1490
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Naquel entón, a cidade de Bruxas estaba gobernada pola casa de Borgoña.
- ↑ A pacotilla son os bens que os mariñeiros podían embarcar pola súa conta, sen ter que pagar frete por iso.
- ↑ Comentario de Caxton no epílogo ao Libro III do Recuyell of the Historyes of Troye.
- ↑ De 160 e 217 matrices.
- ↑ Cambridge History of English and American Literature recoñéceo como o primeiro libro impreso en inglés.
- ↑ Este documento foi achado en 1928 por A. W. Pollard.
- ↑ Esta división sería revisada case cinco séculos despois, tras o achado doutra versión da obra chamada o Manuscrito de Winchester
- ↑ Lista da BBC (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuenca, Luis Alberto de. William Caxton, el impresor de Malory. Epílogo a La muerte de Arturo, Ed. Siruela, Madrid, 1999. ISBN 84-7844-485-8.
- Gómez Soliño, José S. William Caxton y la estandarización de la lengua inglesa en el siglo XV. Revista canaria de estudos ingleses, 10, 1985, pp. 95–118. ISSN 0211-5913.
- Lienhard, John H. How Invention Begins: Echoes of Old Voices in the Rise of New Machines. Oxford University Press, Oxford, 2006. ISBN 0-19-530599-X pp. 165–168
- Ward, A., et al. (eds.). The Cambridge History of English and American Literature. Putnam's and Sons, Nova York, 1907-1921. Vol II, Capítulo 14. ISBN 1-58734-073-9 (en inglés).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Canterbury tales, reprodución en liña pola Biblioteca Británica, con imaxes da edición de Caxton (en inglés).
- The game and playe of the chesse, transcrición da primeira edición (en inglés).